Ir o contido principal

O CIFP Politécnico de Santiago


CIFP POLITÉCNICO DE SANTIAGO

Santo Domingo de BonavalO antecedente do noso Centro é a Escola Elemental de Traballo de Santiago de Compostela. Foi instalada nos claustros do edificio de Santo Domingo de Bonaval mentres non dispoñía de edificio propio e, de forma provisoria, habilitáronse as dependencias do Concello de Santiago para que os aspirantes formalizaran a súa solicitude de ingreso na escola. Estes debían ser maiores de doce anos e superar unha proba de acceso na que demostraran que sabían ler, escribir e as operacións matemáticas básicas. Finalmente, o curso académico foi inaugurado o 5 de marzo de 1933 cun total de trinta alumnos que podían cursar as ensinanzas de Labra manual e mecánica da Pedra, Talla da Madeira e Carpintería Mecánica, Forxados de Ferros e Repuxados e Mecánico Ferreiro Axustador.


San ClementeAta o ano 1944 non comezou a construcción dun edificio propio no solar de oitocentos metros cadrados emprazado no Campo de San Clemente. O arquitecto responsábel do proxecto foi Joaquín Vaquero e o contratista Perfecto Fontán, quen ademais foi un dos fundadores da Escola de 1933. No proxecto e execución das obras tívose especial coidado en que a nova edificación non destacara dentro da fisonomía do centro monumental da cidade, chegando a escoller unha clase de pedra de cantería que envellecera de maneira similar ao resto das construccións da zona. As obras transcorreron con relativa lentitude e o local non foi inaugurado ata o 18 de xullo de 1952 en presencia de Juan Portela Seijo, director da Escola desde o ano 1940. Tiña capacidade para catrocentos alumnos que naquela época podían cursar os estudios de Oficial e Mestre Industrial nas especialidades de Cantería, Carpintería, Mecánica e Electricidade.


Monte de ConxoTras a Lei de Formación Profesional Industrial de 1955, o centro cambia a súa denominación a Escola de Mestría Industrial e iníciase a construcción dun novo edificio en 1961 no seu emprazamento actual de Monte de Conxo; sendo inaugurado o 19 de agosto de 1967 en presencia do seu director e alcalde da cidade Francisco Luis López Carballo. Tiña capacidade para acoller a mil trescentos alumnos que podían cursar as especialidades de Electrónica (rama de Electricidade), Madeira (rama de Ebanistería e Carpintería, Metal (rama de Axuste, Torno, Fresa, Forxa, Cerraxería e Soldadura Chapista), Automobilismo (rama Mecánica), Construcción (rama Canteiro, Marmorista e Albañilería), Delineación e Química no seu grao de oficialía. No grao de Mestría podíanse acadar as especialidades de Metal, Madeira e Electrónica.


AutomociónTras diversos cambios de denominación do centro e das leis educativas que o rexeron, chegamos á actualidade na que convértese en Centro Integrado de Formación Profesional. Acoden regularmente ás clases preto de novecentos alumnos a alumnas que cursan os estudios de Formación Profesional Básica , Ciclos Formativos de Grao Medioe Ciclos Formativos de Grao Superior das familias profesionais de Electricidade e Electrónica, Fabricación Mecánica, Madeira, Moble e Cortiza, Química e Transporte e Mantemento de Vehículos.


Laboratorio químicaNo seu interese por facilitar o acceso aos estudios a traballadores en activo, dende o curso académico 2011-2012 impártense ensinanzas de formación profesional no réximen a distancia e en réxime dual dende o curso 2012-2013. Nas ensinanzas a distancia, o alumnado recibe os contidos a través de internet, así como asesoramento ante calquera dúbida que se lle poda presentar, e unicamente se lle esixe a presencia no centro para a realización dos exames e prácticas. No caso da FP dual, o alumnado realiza os seus estudios en réxime de alternancia entre o centro educativo e a empresa.


Ademais, polo seu carácter de Centro Integrado de Formación Profesional, insiste na cualificación e recualificación académica das persoas ao longo da súa vida, aínda que xa non formen parte do sistema de ensino regulamentado. Neste sentido, participa en iniciativas como o programa FP Avanza, no que alumnas e alumnos de ciclos formativos ou persoas que remataran os seus estudios nos últimos catro anos poden desenvolver as súas iniciativas emprendedoras mediante unha formación práctica que lles permita facer realidade un proxecto de empresa innovador.


Vestíbulo do centroPor último, outra liña de actuación fíxose realidade no mes de setembro do ano 2011 cando a Consellería de Educación inaugurou no noso centro a Aula Schneider Electric. Nesta aula, de máis de cen metros cadrados e con capacidade para trinta alumnas e alumnos, ofrécese formación ao profesorado, alumnado e calquera persoa dos sectores relacionados cos ciclos formativos das familias profesionais de Electricidade e Electrónica, Enerxía e Auga e Instalación e Mantemento.


Todas estas iniciativas persiguen o obxectivo de que o centro educativo de formación profesional sexa cada vez máis unha ponte que enlace aos actuais ou futuros traballadores coa realidade empresarial.

Cookies UI

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en sete familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais