Ir o contido principal

Traballo de Fin de Máster


Traballo de Fin de Máster “Condicionantes da actitude igualitaria en alumnado de FP"

Raquel Giadanes Fernández, alumna do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de Linguasneste curso 2019/20, realizou o seu Traballo de Fin de Máster “Condicionantes da actitude igualitaria en alumnado de Formación Profesional” analizando os cuestionarios de igualdade do alumnado deste centro.

Ofrecemos íntegramente o epígrafe de “Discusión e conclusións”, no que sumariza os resultados do seu estudio.

Discusión e conclusións

Segundo os resultados, confírmase a hipótese de que as alumnas presentan maior concienciación sobre as actitudes de igualdade ca os alumnos. Isto é debido ao feito de que elas levan eses valores máis arraigados e tamén facendo referencia á discriminación que en moitos casos sofren en comparación ao sexo masculino. A influenza que o feminismo exerce na sociedade e a loita pola igualdade entre mulleres e homes queda reflexada tamén neste ámbito.

Por outra banda, os resultados tamén amosan diferenzas significativas entre o alumnado de familias profesionais con moi pouca presenza feminina e aquel de familias cunha porcentaxe relevante, o que confirma a hipótese 2. As familias profesionais cunha alta porcentaxe masculina de alumnado, teñen moito máis interiorizados os estereotipos de xénero nas súas profesións. Os resultados deixan claro que a maior porcentaxe feminina na familia profesional, maior sensibilización cara as actitudes de igualdade. Estes datos están relacionados moi estreitamente co xénero e consecuentemente coa hipótese 1. A familia profesional non é a que relaciona as actitudes de igualdade senón a porcentaxe de alumnado feminino e masculino en cada unha delas.

Pasando ao nivel educativo cursado, non se confirma a hipótese 3, que supón diferenzas na actitude igualitaria en función do grao educativo do ciclo. Segundo os resultados, o alumnado de FP Básica e FP Media non presenta actitudes máis sexistas ca o alumnado de FP Superior. Esperábanse maiores actitudes igualitarias a maior duración da formación e da escolarización do alumnado. Contrariamente aos prexuízos que existen, o alumnado de FP Básica puntuou incluso máis alto en actitudes igualitarias ca o alumnado de FP media.

Con respecto á idade, tampouco se confirma a hipótese plantexada número 4, que propoñía que o alumnado máis novo ten puntuacións máis altas en actitude igualitaria que o alumnado maior. Os suxeitos menores de 25 anos xa formaron parte dunha educación con máis inmersión e adicación en temas transversais como é a igualdade de xénero. Pero, a pesar dos prexuízos da sociedade, o alumnado maior de 25 anos que formou parte da mostra non presenta diferenzas significativas nas súas actitudes de igualdade.

Finalmente en referencia á hipótese 5, a pesar dos estereotipos, non se observan diferenzas significativas nos resultados acadados sobre actitudes de igualdade do alumnado en función do nivel de estudos dos proxenitores. Neste caso, un nivel de estudos de primaria dos proxenitores en comparación cun nivel superior dos proxenitores non amosa diferenzas respecto ás actitudes de igualdade que mostra o alumnado, polo que a hipótese número non se confirma.

Estes descubrimentos amosan que as actitudes de igualdade están calando na sociedade no seu conxunto e non soamente en certos estratos da poboación. Como conclusión, saliento o éxito que como sociedade estamos tendo na transmisión destes valores dende a infancia e o gran traballo por parte da educación que segue a implantar a igualdade de xénero como piar fundamental para conseguir unha sociedade máis xusta, aberta e tolerante.

Cookies UI

O CIFP Politécnico de Santiago acolle ao redor de mil cincocentos alumnos e alumnas en sete familias profesionais, convertíndose nun punto de encontro entre a formación profesional e o mundo laboral.

Redes sociais